Casas de madeira: máis posibilidades das que imaxinas

Quen non soñou con ter unha cabana de troncos ou un refuxio nunha árbore?

Este imaxinario da infancia evoluciona co tempo, pero non desaparece por completo. Séguenos atraendo a idea dunha casa de madeira como un refuxio cálido e acolledor.

Non obstante, moitas veces se asocia a unha idea moi concreta: madeira vista nas fachadas e un estilo rústico ou tradicional. Pero unha casa de madeira non ten por que responder a unha estética determinada nin a un único xeito de construír. Pode ter unha imaxe máis tradicional ou máis contemporánea, mostrar a estrutura ou deixala oculta, apoiarse en procesos artesanais ou altamente industrializados.

O que todas comparten é unha estrutura de madeira, aínda que non quede visible nas fachadas nin en todos os acabados interiores. De feito, o habitual é que a madeira apareza en teitos, piares ou detalles específicos, aportando calidez e carácter sen necesidades de se converter no material predominante. A miúdo combínase con outros materiais que achegan diferentes texturas, cores e acabados.

Unha estrutura de madeira non fai a casa menos sólida. Pola contra, construír con madeira abre todo un abanico de solucións técnicas: edificios máis lixeiros e sostibles, montaxe precisa e rápida grazas á prefabricación no taller, algo especialmente relevante en climas chuviosos, onde reducir a exposición da obra da intemperie é unha vantaxe.

En realidade, a idea dunha casa de madeira ten moitas máis posibilidades das que solemos imaxinar.

Unha idea, distintos xeitos de construír

Non hai unha única maneira de construír unha casa de madeira. Existen diferentes sistemas construtivos, cada un coas súas propias características, vantaxes e condicionantes: entramado lixeiro ou pesado, paneis de CLT ou combinacións destas opcións nun mesmo edificio.

Cada fogar é único

Cada proxecto responde a necesidades. Nalgúns casos encaixará mellor unha solución sinxela; noutros, un armazón que configure espazos amplos, unha montaxe máis rápida ou unha certo expresividade interior.

Múltiples factores

A elección depende de varios factores que interveñen á vez: a distribución, a iluminación natural, a estratexia de eficiencia enerxética, as preferencias estéticas ou mesmo as características do terreo.

Unha visión integral

Todo isto forma parte dunha visión integral do proxecto, onde cada decisión inflúe no conxunto, e onde a coherencia entre as partes é o que dá sentido ao resultado final.

Entramado lixeiro: unha solución eficiente e versátil

O entramado lixeiro é probablemente o tipo de estrutura de madeira máis estendido para vivendas unifamiliares.

Está baseado nunha cuadrícula de pezas de pequena sección, o que permite un uso eficiente da madeira. Estas pezas –montantes e travesas– ensámblanse moi próximas entre si, formando un bastidor resistente. A rixidez da estrutura depende non só desta cuadrícula, senón tamén da colocación de taboleiros que converten o conxunto nun edificio estable.

Os tabiques intermedios poden ser parte activa da estrutura, funcionando como muros de carga. Deste xeito, algunhas paredes cumpren unha dobre función: aproveitar ao máximo o espazo e os materiais.

É unha solución modulada, que permite flexibilidade no deseño e a colocación de portas e ventás. O peso repártese de forma eficiente entre moitos elementos. A montaxe é sinxela, case coma un moble a grande escala, con pezas relativamente lixeiras e sen necesidade de grandes grúas.

O máis característico deste sistema non é a presenza moi visible da madeira, senón a lóxica de capas: estrutura, illamento, barreiras de vapor e acabados. Entre os montantes da fachada colócase o illamento e algunhas instalacións, o que permite resolver á vez estrutura e peches. Trátase de construír muros técnicos onde cada capa cumpre unha función específica. Isto esixe un deseño coidadoso e unha execución precisa para garantir que o conxunto funcione correctamente.

É un sistema especialmente axeitado para distribucións compartimentadas, como as habituais nunha vivenda, e permite resolvelas optimizando o uso da madeira.

Entramado pesado: amplitude e expresividade

O entramado pesado é unha tipoloxía estrutural composta por menos pezas, pero de maior escuadría: piares, vigas e cerchas capaces de resolver espazos máis amplos sen necesidade de moitas subdivisións interiores.

Soe asociarse a un uso máis marcado da madeira. A estrutura non queda oculta dentro de muros de pouco espesor, senón que adoita ser visible e adquire un papel máis protagonista, formando parte do carácter da vivenda. Por iso, ademais de soster o edificio, contribúe de forma directa á calidade espacial.

A diferenza do entramado lixeiro, onde as unións se resolven de forma sinxela con cravos e parafusos, aquí os encontros entre elementos requiren montaxes máis complexas que transmiten os esforzos da estrutura.

Tradicionalmente, a conexión entre elementos resolvíase mediante unións carpinteiras talladas de forma artesanal na propia madeira, como as unións de caixa e espiga, a cola de milano ou a media madeira. Son parte característica da súa lóxica construtiva. Hoxe en día, é habitual deseñalas en tres dimensións e fabricalas con maquinaria de corte por control numérico, o que permite unha gran precisión na montaxe.

É unha solución especialmente axeitada cando se buscan espazos diáfanos e unha presenza máis destacada da madeira no interior.

CLT: madeira maciza, precisión e novas posibilidades

Se buscamos unha casa de madeira contemporánea, o CLT é unha das solucións que convén coñecer.
Son as siglas de Cross Laminated Timber, ou madeira contralaminada.

A diferenza das vigas ou piares tradicionais, esta solución consiste en construír a casa con grandes paneis formados por varias capas de madeira maciza superpostas e encoladas entre si. Cada capa colócase xirada respecto á anterior, unha disposición que confire gran resistencia e estabilidade ao conxunto.

O seu aspecto máis característico é que os paneis concentran varias funcións nun único elemento: non só aportan solidez, senón que conforman en si mesmos o plano do chan, da parede ou do teito. A estrutura chega á obra en pezas prefabricadas listas para a montaxe, xa coas aberturas de portas e ventás. Colócanse mediante grúas e afíxanse con ferraxes metálicas de xeito moi preciso.

A maioría dos paneis quedan ocultos tras os materiais de acabado, inda que é posible deixar algunhas paredes ou teitos á vista, mostrando unha superficie continua de madeira lisa e de apariencia minimalista, sen vigas nin cabios.

Cando se deixa visto, o propio panel debe ter unha calidade de acabado superior e implica un reto adicional tanto no deseño como na montaxe. É preciso planificar con exactitude as instalacións (enchufes, tubaxes) e as unións; non hai marxe para a improvisación. A montaxe debe ser moi coidadosa para evitar golpes ou rabuñaduras durante a obra.

É importante lembrar que os paneis CLT son a propia estrutura da casa; por iso, deben ir acompañados dun bo “abrigo” de illamento e impermeabilización para garantir un fogar eficiente, cálido e duradeiro.

Sistemas híbridos e outras solucións

Non sempre unha casa de madeira se resolve cunha única tipoloxía estrutural. Existen distintas técnicas que un bo deseño pode combinar coma un traxe feito á medida, escollendo en cada caso a solución máis axeitada.

Combinar sistemas pode mellorar o resultado final. Para iso, é importante diferenciar o que aporta cada un:

  • O entramado lixeiro integra tabiques e fachadas na estrutura, optimizando o uso do material.
  • O entramado pesado permite crear espazos diáfanos onde a madeira gaña protagonismo
  • Os paneis de CLT ofrecen unha envolvente estable e unha lóxica de montaxe máis industrializada

É habitual usar un sistema para os soportes e outro nos pisos e o tellado. Por exemplo, paredes de entramado lixeiro e pisos de CLT, ou unha estrutura principal de piares e vigas de entramado pesada xunto con solucións máis lixeiras nalgunhas partes da casa.

O importante non é a “pureza” do sistema, senón que a solución global responda ben ás características do proxecto.

Debido á súa lixeireza, nalgúns casos as estruturas de madeira permiten utilizar parafusos de cimentación e intervir menos no terreo. Trátase de grandes pilotes de aceiro que se aparafusan ao terreo e funcionan como apoios do edificio, sen necesidade de escavar nin verter grandes volumes de formigón.

En definitiva, non se trata de elixir unha solución pechada, senón de integrar os recursos técnicos para que a casa responda da mellor maneira ao lugar, ao proxecto e á vida que sucederá no seu interior.

Non existe un único tipo de casa de madeira

Cando imaxinamos unha casa de madeira, tendemos a pensar nunha imaxe moi concreta. Pero a realidade é moito máis ampla. Non hai un catálogo pechado de solucións, senón diferentes xeitos de dar resposta a un mesmo desexo de construír un fogar.

Unha casa de madeira ben proxectada non nace de aplicar unha receita, senón dun deseño con criterio.

Non se trata de que todo o edificio “fale unha única lingua”, senón de que cada parte cumpra a súa función con coherencia.

Cada sistema aporta algo distinto, e esa diversidade permite adaptar a casa ao lugar, ao uso e ás prioridades de cada caso.

Unha casa de madeira pode ser máis tradicional ou máis contemporánea, máis minimalista ou máis expresiva.

É precisamente por iso que o verdadeiro valor de construír con madeira non reside só no material, senón en todo o que pode facer posible: un fogar cálido, saudable e coherente.

Preguntas frecuentes

Os adhesivos do CLT o fan menos ecolóxico ou saudable?

Aínda que o CLT incorpora adhesivos, o panel segue sendo maioritariamente de madeira e o seu impacto ambiental é baixo.
 
Desde o punto de vista da saúde, o importante non é tanto que leve adhesivos, senón o tipo de adhesivo utilizado. Un dos máis habituais é o formaldehido, que emite compostos orgánicos volátiles (COV). Existen paneis CLT con colas de baixa emisión de COV e mesmo sen formaldehido.
 
Aínda así, nunha casa adoitan ser máis relevantes as emisións procedentes dos taboleiros de mobiliario, vernices, pinturas ou téxtiles. Hai que valoralo en conxunto.

 

Se a madeira queda vista, resiste ben o lume? 

Cando unha peza de madeira maciza queda exposta ao lume, a súa cara exterior carbonízase lentamente e protexe o interior durante un tempo. Ao deseñar unha estrutura, calculase tendo en conta que parte da sección podería chegar a carbonizarse e a resistencia que mantería a parte interior.

Cando se precisa unha maior protección, pódense incorporar revestimentos como xeso laminado.

 

Pódense colocar paneis de CLT no exterior?

O CLT non pode quedar exposto directamente ao sol nin á choiva debido á propia estrutura do panel, que se degradaría. Si se pode usar en zonas protexidas, como o teito dun porche, xa que está cuberto.

Hai que ter en conta que o CLT require un acabado final; sempre debe levar unha capa protectora. Ademais, é fundamental protexer ben os bordos dos paneis, para que non absorban humidade.

Scroll ao inicio