Entrevista bioconstrucción- Casa bioclimatica

Que é a bioconstrución?

A revista dixital  TYS Magazine está especializada en urbanismo e paisaxe, e enfócase na divulgación de actuacións e propostas que favorezan un desenvolvemento sostible do territorio.  En maio de 2020 publicou na súa sección “Protagonistas” unha entrevista a Angela Martínez Lago acerca de conceptos xerais sobre que é a bioconstrución, en cal é a súa situación no ámbito de Galicia.

Un bo momento, en plena pandemia, para reflexionar sobre a calidade dos espazos interiores, nos que pasamos gran parte do tempo: segundo algúns estudos ata un 90%, se contamos non só o de descanso e actividades básicas da vida diaria senón tamén as xornadas laborais ou de estudo. Así, é evidente que a arquitectura ten unha gran incidencia na nosa saúde e na calidade de vida, e pódese apreciar a importancia de coidar as condicións destes espazos. Apostar pola bioconstrucción é un investimento rendible nestes termos.

Reproducimos algúns extractos da entrevista, esperando que sirvan para un achegamento ás formulacións básicas desta disciplina:

En termos xerais, en que consiste a bioconstrución?

A bioconstrución é unha forma de construír respectuosa co medio ambiente e coa saúde das persoas. Trátase dun enfoque global que se integra co resto de requisitos que debe cumprir un edificio.

O respecto ao medio ambiente lógrase priorizando o uso de materiais e técnicas de baixa pegada ecolóxica, ben porque procedan de recursos próximos ou renovables, ou porque na súa fabricación non se produzan impactos ambientais (ou se reduzan en gran medida). A isto engádese un deseño  bioclimático que permita aproveitar a enerxía solar e a iluminación natural, complementado cun bo illamento e inercia térmica, de maneira que se reduza a necesidade de climatización sen perder confort.

Este tipo de construción consegue ambientes saudables, principalmente, mediante o uso de materiais naturais, non tóxicos, que contribúan a regular a humidade interior e non xeren ningún tipo de emisión nociva. Deseñar e construír espazos sans é moi importante, pois pasamos boa parte do noso tempo no interior de edificios, onde moitas veces a calidade do aire é peor que no exterior.

Que vantaxes presenta a bioconstrución fronte a construción tradicional?

A bioconstrución parte da tradición construtiva de cada lugar, incorporando o coñecemento técnico de hoxe para alcanzar os requisitos actuais de seguridade e habitabilidade.
Mudaron as formas de vida e os estándares de salubridade, aforro
enerxético, etc. non son os mesmos. É dicir, non se trata dunha volta ao
pasado senón de incorporar técnicas que poden seguir sendo válidas,
especialmente a bioclimática e o aproveitamento dos recursos de cada lugar, complementándoas cos coñecementos e os medios actuais.

Como ves o que Galicia sexa unha potencia forestal e a madeira teña tan pouco peso como material construtivo?

(A madeira) é unha tradición construtiva que se foi abandonando en favor, principalmente, das estruturas de formigón.

(…) Afortunadamente está a haber un renacer da construción con madeira, cunha recuperación dos oficios e do saber técnico. 

Con todo, en Galicia non se apostou por un cultivo de bosques autóctonos de calidade. É contraditorio que para facer unha estrutura de madeira sexa máis barato importar madeiras de fóra, xeralmente do Norte de Europa, que utilizar especies locais.

Crees que estamos realmente concienciados coa importancia da sustentabilidade na construción?

Está a avanzarse no ámbito da eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables, impulsado por cambios na normativa legal. (…)

Pero este é só un dos aspectos da bioconstrución. Outros, como os relacionados coa saúde ou a redución da pegada ecolóxica, son menos coñecidos.

Hai quen nunca oíu falar destas cuestións e pode crer que é algo “alternativo”, con pouca base técnica. Fan falta máis exemplos construídos, próximos, que axuden a superar certos medos ou prexuízos.

Pódese ler a entrevista completa nesta ligazón

Scroll ao inicio