Ventilación, a clave invisible para un fogar saudable
Abrimos as fiestras para refrescar unha habitación, despois de cociñar ou para ventilar un dormitorio ao levantarnos. Son accións cotiás, case automáticas. Pero a saúde do noso fogar non pode depender só diso.
Porque a ventilación non consiste só en deixar entrar aire fresco de cando en vez ou de abrir as ventás con maior ou menor frecuencia. Tamén implica evacuar a humidade, olores, CO₂ e contaminantes. Aínda que non sempre se perciba de inmediato, unha axeitada ventilación axuda a controlar a humidade, os contaminantes e os olores. É, polo tanto, un aspecto fundamental para un fogar saudable.
Convén distinguir dúas cuestións:
- Por unha banda, a sensación de frescor que produce abrir unha xanela ou xerar unha corrente de aire.
- Doutra banda, a necesidade de garantir unha renovación continua do aire para manter unhas condicións de salubridade.
A ventilación é un dos principios da arquitectura ecolóxica. Implica deseñar unha estratexia que permita manter unha boa calidade do aire durante todo o ano, tendo en conta o clima, o uso da vivenda e a eficiencia enerxética.
O mito da ventilación natural
A ventilación natural pode parecer, a primeira vista, a opción máis ecolóxica. Non require equipos, controlamos o seu funcionamento abrindo manualmente as fiestras e conecta cunha idea moi intuitiva dun fogar san: deixar que o aire entre e saia de forma natural.
Non obstante, ten limitacións importantes.
En primeiro lugar, depende de factores externos, que non podemos controlar e que non sempre resultan favorables. Para que funcione, deben darse certas condicións de temperatura exterior, velocidade e dirección do vento, combinadas coa orientación e a disposición das ventás. O caudal de renovación de aire varía con estes condicionantes e cos nosos hábitos. Por iso, haberá momentos nos que sexa insuficiente, mesmo que a nosa percepción subxectiva non o reflicta.
No inverno, cando precisamos conservar a calor, tendemos a ventilar menos. Aquí é onde a necesidade de renovar o aire entra en conflito coa eficiencia enerxética, porque non de pouco serve acondicionar a temperatura da vivenda se despois disipamos esa calor ao ventilar.
Ademais, ás veces, abrir as ventás pode expoñernos a ruído, po, pole ou outros alérxenos, xusto o contrario do que buscamos.
Polo tanto, non se trata de idealizar nin de descartar a ventilación natural, senón de comprender cando é útil e que estratexias permiten manter unha boa calidade do aire dun xeito compatible co confort e a eficiencia enerxética.
Sistemas de ventilación para un fogar saudable
Ventilación híbrida
A ventilación híbrida ten un funcionamento sinxelo:
- O aire limpo entra nas habitacións a través de aireadores ou de ferraxes de microventilacións nas fiestras.
- O aire viciado extráese mecanicamente da cociña e dos baños, e condúcese ata o tellado.
Promove a circulación do aire a través da casa, pero ten tamén algunhas limitacións.
Ao renovar o aire, tamén expulsa a calor interna. Por iso, non resulta eficiente dende o punto de vista enerxético.
Ademais, a súa eficacia segue dependendo das condicións externas e dun correcto uso, polo que na práctica non garante unha ventilación continua e efectiva. Pola contra, pode xerar correntes frías preto das ventás no inverno.
Ventilación mecánica con recuperación de calor
Este tipo de ventilación permite a renovación do aire sen perder a calor interior. Por esa razón, é o sistema máis eficiente enerxeticamente.
Tanto a entrada como a extracción están controladas mecanicamente, cun consumo de enerxía moi baixo. O aire limpo impúlsase cara as estancias, e o viciado extráese da cociña e dos baños. Ambos fluxos crúzanse sen tocarse, e o aire saínte transfire a súa enerxía ao que entra. De este modo, o aire entra temperado e a baixa velocidade, sen xerar correntes.
O aire viciado quenta esas lingüetas por un lado. Como están feitas dun material condutor, esa calor pasa ao outro lado e transfírese ao aire fresco que circula polo canal contiguo. Así, o aire entra xa a unha temperatura moi próxima á do interior.
Ao funcionar de forma continua, evita os picos de acumulación de CO₂ nos dormitorios, onde doutro xeito poden alcanzarse concentracións de CO₂ de entre 2.000 e 4.000 ppm (a partir de 1.500 ppm comezamos a percibir o aire viciado). Isto repercute na calidade do descanso.
O sistema permite tamén engadir filtros, o que reduce a entrada de po, pole e outras partículas. E, como non depende de ter as ventás abertas, mellora o confort acústico.
Moitos equipos inclúen un modo de funcionamento de verán. Cando a temperatura exterior é máis agradable, evítase o intercambio de calor e déixase pasar directamente o aire fresco do exterior.
A ventilación natural como complemento bioclimático
En climas suaves con noites frescas de verán, a ventilación natural é un das principais recursos para mellorar o confort estival. Basease en potenciar a circulación do aire para disipar a calor acumulada na casa.
A ventilación cruzada prodúcese ao abrir ventás en fachadas opostas, de modo que o aire entra por unha e sae pola outra. Funciona mellor coas ventás orientadas cara aos ventos dominantes da zona, especialmente cando o aire atopa poucos obstáculos ao longo do seu percorrido. Favorécese cando as fiestras de saída (sotavento) están algo máis altas, xa que o aire quente tende a ascender.
Cando a temperatura exterior baixa, a ventilación nocturna ―abrir as fiestras pola noite ou a primeira hora da mañá― introduce aire fresco e arrefría tanto o ambiente interior como a masa térmica do edificio. Durante o día minimízase a ventilación para manter este frescor e mellorar notablemente o confort do día seguinte.
Todo isto optimízase cando se combina con materiais con inercia térmica e elementos de sombreado, como beirados, persianas ou vexetación de folla caduca.
Así, a ventilación natural pasa a formar parte dunha estratexia máis ampla que integra saúde, confort e eficiencia enerxética.
Ventilación para unha boa calidade do aire interior
A ventilación inflúe directamente na calidade do aire interior e, polo tanto, na nosa saúde, o noso descanso e o nosos benestar.
Non abonda con abrir as ventás de cando en vez e confiar unicamente na ventilación natural. Nunha vivenda saudable, a ventilación debe resolverse de forma continua e controlada para garantir unha axeitada calidade do aire e manter un alto nivel de confort. Por iso, os sistemas mecánicos con recuperador de calor son a solución máis compatible cunha casa pasiva.
Dado que a ventilación é un dos principios dunha vivenda pasiva e ecolóxica, debe integrarse desde o principio do proxecto, non como un elemento engadido ao final. Só deste xeito é posible coordinar a estratexia de renovación do aire co deseño espacial e bioclimático.
Porque unha vivenda ecolóxica non é só aquela que reduce o seu impacto no medio ambiente.
É tamén un lugar onde a calidade do aire e o confort contribúen ao benestar cotián.
Preguntas frecuentes
A ventilación con recuperador de calor serve como calefacción?
Non. A súa función non é climatizar, aínda que axuda moito a reducir a necesidade de calefacción. No inverno, o recuperador de calor “rescata” gran parte da calor do aire viciado interior para temperar o que entra. Mesmo cando o sistema de ventilación incorpora unha batería posquecemento, esta só axuda a temperar o aire.
Nunha casa pasiva con este sistema de ventilación, a necesidade de calefacción é moito menor e o seu uso é máis ocasional.
Unha casa pasiva precisa sempre ventilación mecánica?
Na práctica, si. Nunha vivenda bioclimática e moi ben illada, para reducir ao mínimo a necesidade de calefacción, é necesario controlar as perdas de enerxía debidas á ventilación. A solución é unha ventilación mecánica controlada con recuperación de calor.
O que si é posible —e aconsellable— é empregar a ventilación natural no verán para mellorar o confort, pero como complemento, non como substituto do sistema de ventilación mecánica.
A extracción faise a través da campá extractora da cociña?
Non. Na ventilación híbrida, a extracción para a ventilación é independente da campá extractora, xa que esta última só funciona de forma puntual.
Por outra banda, os sistemas de ventilación con recuperación de calor funcionan cando o caudal de aire que entra é similar ao que sae. Neste caso, adoitan elixirse campás de recirculación que limpan o aire e o devolven á cociña, para evitar que o sistema se desequilibre cando se acende a campá extractora.