Arquitectura bioclimática: confort co clima
A casa como refuxio e adaptación ao clima
A arquitectura naceu como refuxio. Moito antes de que falásemos de estilos, certificacións enerxéticas ou instalacións, construír era unha forma de adaptarnos ao medio: ao frío, á calor, á choiva, ao vento… e tamén aos materiais dispoñibles e á cultura de cada lugar. Por iso, en cada territorio desenvolvéronse estratexias distintas, que deron lugar a unha arquitectura propia. Ao fin e ao cabo, unha casa non é só un tellado: é o hábitat que nos envolve e inflúe en como vivimos .
Máis recentemente, foise estendendo unha forma de construír máis homoxénea, apoiada en instalacións que resolven as necesidades de confort. E inda que a tecnoloxía é unha gran aliada, o punto de partida cambia por completo cando un proxecto nace da comprensión do lugar: iso é, en esencia, a arquitectura bioclimática. Non renuncia á tecnoloxía, pero pon o foco en deseñar a partir das condicións do entorno para que o confort sexa unha consecuencia natural.
Ao contrario do que se podería pensar, o deseño bioclimático non é un estilo: pode dar lugar a un edificio máis tradicional ou máis contemporáneo. Tampouco supón unha volta ao pasado: hoxe temos uns estándares de habitabilidade máis esixentes, e para conseguilos podemos recuperar técnicas sinxelas —moitas delas xa presentes na arquitectura popular— optimizándoas grazas ao coñecemento técnico actual .
A eficiencia enerxética dos edificios baséase na combinación de estratexias pasivas e activas, comezando sempre polas primeiras. Dentro das pasivas, o deseño bioclimático é fundamental para axudarnos a aproveitar e reter a calor solar no inverno e a protexernos fronte ao sobrequecemento no verán .
Bioclimático: un deseño para 4 estacións
Antes de afondar en solucións concretas, é importante comprender que nun edificio bioclimático conviven dous obxectivos que poden parecer contraditorios:
- Por unha banda, buscamos aproveitar a radiación solar para gañar calor no inverno .
- Por outra, precisamos protexernos de sobrequecemento no verán.
Un bo proxecto bioclimático non se queda só con un ou outro: equilibra ambos obxectivos desde o principio.
Para elixir as estratexias axeitadas é necesario analizar o lugar: o clima, a orientación da parcela, se hai edificios ou árbores que proxecten sombras, os ventos dominantes, a humidade do terreo, a frecuencia das choivas… e, sobre todo, a traxectoria do sol, que cambia segundo a estación e tamén segundo a latitude.
No hemisferio norte, vemos saír o sol polo leste, acadar o seu punto máis alto no sur e poñerse polo oeste. No inverno, percorre unha traxectoria máis baixa e curta; no verán, máis alta e longa.
Comprender este patrón e a traxectoria solar do lugar —especialmente no solsticio de verán (punto máis alto) e no de inverno (punto máis baixo)— permite deseñar edificios capaces de aproveitar un recurso gratuíto, a calor do sol, sen hipotecar o confort estival .
a) Captación solar no inverno
forma máis habitual de captar a radiación solar é a directa, a través de ventás ou galerías. Ademais do uso, as vistas e outros condicionantes, débese estudar a posición e o tamaño dos ocos do edificio en relación coa orientación e o clima .
Cando é posible, unha orientación cara ao sur ben resolta é unha das estratexias máis eficaces para o confort invernal: permite que os raios do sol cheguen ao interior, proporcionando ganancias solares (calor gratuíta) que, nunha vivenda ben deseñada, tradúcese en interiores máis temperados e unha menor dependencia da calefacción.
Esta captación da calor funciona especialmente ben cando se combina cunha “pel illante” (muros, tellado, chan). Neste sentido, canto máis compacto sexa o edificio (menor superficie en contacto co exterior en relación co volume habitable), máis doado será reter esa calor.
Agora ben: a radiación solar que agradecemos no inverno pode volverse excesiva se non a limitamos no verán.
b) Evitar o sobrequecemento no verán
Con temperaturas cada vez máis cálidas debido ao cambio climático, o confort de verán gaña protagonismo tamén en climas como Galicia e Asturias: non basta con aplicar estratexias bioclimáticas de inverno .
A protección fronte ao exceso de calor non depende da instalación de aire acondicionado, senón de estratexias de deseño .
A principal é o sombreamento. As fiestras pódense protexer do sol con elementos fixos —como beirados ou soportais—, do mesmo xeito que usamos unha viseira para protexer a cara. Nos edificios de varios andares, as galerías ou balcóns se poden usar para dar sombra aos ocos dos pisos inferiores. Son recursos sinxelos que, cando se dimensionan axeitadamente, reducen a entrada de radiación nos meses máis cálidos, ao tempo que permiten o seu paso no inverno. Tamén se poden empregar proteccións móbiles —como contraventás, persianas ou toldos— ou vexetación de folla caduca (parras ou árbores). A vexetación caducifolia é un recurso moi valioso: no verán proporciona sombra, mentres que no inverno, ao perder as follas, deixa pasar o sol. Ademais, mellora o microclima e a calidade do entorno inmediato.
En climas temperados con noites frescas, a ventilación —especialmente a nocturna— axuda a disipar a calor acumulada. Pode ser natural, permitindo a ventilación cruzada a través de fiestras en fachadas opostas, ou mecánica, cada vez máis común en casas pasivas mediante sistemas de ventilación controlada con recuperación de calor.
En calquera caso, a ventilación debe ser controlada: o aire debe renovarse a vontade, non por infiltracións a través de fendas, xuntas de fiestras ou persianas, ou outros elementos . Estas fugas, ademais de reducir a eficiencia enerxética, poden xerar correntes de aire ou favorecer condensacións. E convén aclarar unha confusión frecuente: evitar infiltracións de aire non significa “selar” o edificio ao vapor de auga. Trátase de dous fenómenos físicos diferentes. A maioría dos materiais naturais permiten a difusión do vapor.
c) Construción: materiais axeitados
Todo o anterior —captar a calor no inverno, controlar o soleamento no verán— funciona de xeito óptimo cando as características construtivas do edificio acompañan ao deseño bioclimático. Porque non abonda con “gañar calor”: tamén hai que evitar perdelo a través de paredes, ventás e tellado, e manter a estabilidade térmica no interior .
Para isto empregamos materiais illantes cos que envolvemos todo o volume habitable, a modo de abrigo. Este illamento debe ser continuo, sen zonas onde se interrompa ou teña menor espesor: estas descontinuidades son pontes térmicas e por elas pérdese calor. Por iso é fundamental prever e resolver correctamente desde o proxecto todas as unións entre sistemas construtivos.
En bioconstrución adoitamos escoller materiais Illantes de orixe natural ou reciclada, como a cortiza, a fibra de madeira, a celulosa ou as fibras téxtiles recicladas. Moitos destes materiais teñen máis densidade e unha maior calor específica que os illamentos “convencionais” (EPS, XPS ou las minerais). Na práctica, isto é unha vantaxe no verán: atrasan a entrada de calor, o que amortece os picos de temperatura no interior.
Respecto ás ventás, aínda que depende do perfil en concreto, en xeral as de madeira teñen valores de illamento similares ás do PVC de alta gama e superiores ás do aluminio con rotura de ponte térmica.
Ademais, dentro das vivendas a miúdo interesa empregar materiais con inercia térmica, capaces de suavizar os cambios de temperatura entre o día máis cálido e a noite máis fresca, para manter un ambiente máis estable.
Deseño bioclimático, a base dunha casa pasiva
A arquitectura bioclimática non é unha lista de trucos nin unha estética específica: implica deseñar con criterio para acadar os mellores resultados en confort e aforro. enérxico, sen necesidade de sobredimensionar o illamento nin as instalacións.
En función dos condicionantes do lugar, optimízase o deseño do edificio e escóllense os materiais axeitados. Cando o proxecto está ben formulado, o resultado se nota no día a día:
- Interiores máis cálidos no inverno
- Menos picos de calor no verán
- Menor necesidade de calefacción
- Sensación de confort máis estable
Esa é, en definitiva, a esencia da arquitectura como refuxio: un hábitat que nos envolve e acompaña .
Preguntas frecuentes
Que pasa se a parcela non ten unha orientación ideal ou é sombría?
O habitual é non partir dunhas condicións perfectas, e iso non impide facer un proxecto bioclimático. En cada caso, é necesario estudar que estratexias son as máis axeitadas: a orientación é importante, pero non é o único factor. Podemos traballar na compacidade do edificio, no deseño dos ocos e na envolvente térmica, combinando varias medidas para conseguir unha vivenda confortable .
Pode ser bioclimática unha rehabilitación ou só serve para construír unha casa nova?
O deseño bioclimático tamén se aplica en rehabilitación. Aínda que partimos de máis condicionantes, sempre hai potencial de mellora. Segundo do caso, se poderá optimizar a distribución para que as estancias principais estean nas zonas máis cálidas e luminosas, e reservar as zonas máis sombrías para espazos auxiliares. Tamén se poden abrir novos ocos para mellorar a captación solar ou facilitar a ventilación cruzada, ou incorporar elementos como beirados ou galerías. A clave está en estudar cada casa no seu entorno e priorizar as intervencións que consigan maior impacto.