A eficiencia enerxética comeza no deseño: vivir mellor con menos enerxía

Cando falamos de eficiencia en edificios, hai quen pensa en tecnoloxía de última xeración ou sistemas domóticos que controlan cada quilovatio. E si, iso pode ser útil. Pero se cremos que a eficiencia consiste en engadir “cousas” a un edificio, estaremos a comezar a historia polo final.

A eficiencia enerxética non é un complemento que se engade a posteriori. Debe estar desde o inicio do proxecto, en cada decisión de deseño.

É nesa fase inicial onde se decide, en gran medida, como vivirás na túa casa: se priorizaches o confort durante todo o ano ou se pasarás os invernos acendendo a calefacción para compensar o que non se resolveu ben desde o principio.

Cando a arquitectura atende a criterios de baixo consumo desde a orixe, o resultado é un edificio que precisa menos enerxía para proporcionar confort no día a día. Ese é o punto de partida: o deseño.

Eficiencia energética

 A orde lóxica no camiño cara á eficiencia

A estratexia de eficiencia enerxética baséase na combinación de varios criterios cunha orde lóxica:

En primeiro lugar, reducir a necesidade de enerxía.

A meta é que a casa requira pouca enerxía para acadar o confort.

Isto conséguese illando moi ben a casa para que manteña a calor, e con outras técnicas como a inercia térmica, o control solar e a ventilación natural para evitar o sobrequecemento.

É o que chamamos deseño pasivo .

Cando esta base estea ben deseñada, xa teremos avanzado no fundamental.

Despois, usar equipos de moi alto rendemento.

Unha vez reducida a necesidade de enerxía, elixiremos e dimensionaremos instalacións eficientes: bombas de calor, sistemas de ventilación con recuperación de calor, etc.

Estes son os sistemas activos . Trátase de aproveitar ao máximo a enerxía que utilicemos.

A clave é que necesitamos menos equipos e de menor capacidade, porque a vivenda xa está optimizada.

Por último, incorporar enerxías renovables.

O paso final é integrar as enerxías renovables —paneis solares, enerxía aerotérmica ou biomasa— cando sexa posible, para reducir a dependencia de combustibles fósiles.

Se a casa xa consome pouco grazas ao deseño pasivo e aos equipos eficientes, con moi pouca enerxía renovable pódense cubrir boa parte das necesidades.

Así, as enerxías renovables non corrixen un mal proxecto, senón que melloran un bo.

Non serve de nada ter a tecnoloxía máis avanzada se a túa casa é un coador térmico:

É coma acender o aire acondicionado nun coche, pero deixar as ventás abertas.

En edificios existentes, esta orde pode variar dependendo dos condicionantes de cada caso. Un estudo global permite definir cales son as intervencións prioritarias, e tamén pode establecer a orde de mellora progresiva cando non sexa posible unha rehabilitación integral.

Deseño pasivo: a base do aforro e o confort

O principio é simple: reducir. A mellor enerxía será a que non precisemos

Deseño bioclimático

Consiste en aproveitar os recursos naturais dispoñibles —sol, vexetación, choiva, ventos— para lograr o confort térmico. Ás veces, as técnicas máis eficaces son as máis sinxelas, e teñen moito que ver coa tradición construtiva de cada lugar (á que se engade, por suposto, o coñecemento técnico actual).

O deseño bioclimático ten en conta a orientación e a forma do edificio para optimizar as ganancias de enerxía a través do soleamento. Isto conséguese principalmente con ventás ou galerías orientadas ao sur.

Ao mesmo tempo, emprega estratexias fronte ao sobrequecemento, cada vez máis importantes mesmo en Galicia e Asturias debido ao cambio climático. Pódense usar beirados, balcóns, contraventás ou persianas para proporcionar sombra. Cando hai espazo, a vexetación de folla caduca ao sur sombrea no verán pero deixa pasar a radiación solar no inverno.

Tamén existen estratexias de refrixeración pasiva, como a ventilación cruzada.

Envolvente térmica

É o conxunto de paredes, chans e teitos que separan o espazo interior do exterior.

É coma un abrigo que envolve todo o espazo habitable, o que queremos acondicionar.

Ese abrigo o formarán os materiais illantes, que reducen as perdas de calor entre o interior e o exterior. Este illamento debe ser continuo para que non haxa zonas non cubertas (pontes térmicas), por onde escapa a calor ou aparecen riscos de condensación.

Sería coma un paraugas cun burato: por moi impermeable que sexa o tecido, se está roto non protexe ben da auga.

No interior, pode ser útil empregar materiais con inercia térmica, que axudan a manter unha temperatura interior máis estable.

Tamén se debe garantir a hermeticidade para impedir infiltracións de aire non desexadas, o cal non está reñido coa difusión do vapor de auga ou cunha axeitada ventilación: son conceptos diferentes.

O sistema completo —bioclimática e envolvente térmica— define o esencial: canta enerxía necesita realmente o edificio para funcionar con confort. A partir de aí, selecciónanse e dimensionanse os equipos a medida desa necesidade e, ao final, incorpóranse as renovables.

Passivhaus como referencia

O estándar Passivhaus é un claro exemplo desta filosofía.
A súa base é un deseño e uns cálculos moi rigorosos, a partir duns requisitos máis esixentes que a normativa actual, co obxectivo de lograr un confort interior estable durante todo o ano. Nalgúns casos, permite prescindir dos sistemas de calefacción convencionais.

Agora ben, esta non é a única vía: a arquitectura ecolóxica engade outros criterios como a elección dos materiais, a adaptación ao lugar e unha visión integral do ciclo de vida do edificio. Non son enfoques incompatibles, senón que se poden aplicar de xeito complementario nun proxecto.

A idea é clara: o primeiro é un proxecto integral que inclúa a eficiencia como parte esencial do deseño. O estándar Passivhaus pode ser unha ferramenta útil para conseguilo, sempre coa prioridade de acadar o confort no día a día. Non se trata de certificar tódalas vivendas, pero o enfoque é válido para calquera proxecto: por iso en EUNOIA aplicamos sempre os principios do estándar Passivhaus, coidando moito o deseño desde o inicio. Así, o resultado é unha casa que precisa menos enerxía para ofrecer un maior benestar: un equilibrio que se percibe no día a día.

O benestar como verdadeiro obxectivo 

Aforrar enerxía e reducir a pegada ecolóxica é importante, pero o propósito final é garantir o confort. Por iso a eficiencia enerxética tamén ten que ver coa calidade de vida.

Ao final, a verdadeira eficiencia mídese por como nos sentimos na casa.
Non se trata só de números —quilovatios, consumos ou euros—. A clave está en:

  Manter unha temperatura estable e confortable en todas as estancias.

   Reducir a dependencia de equipos que requiren enerxía e mantemento.

En resumo: un fogar eficiente non só aforra enerxía; devólveche benestar cada día.
Por iso, nos nosos proxectos integramos a eficiencia enerxética no ADN do deseño.

Queres vivir nun fogar máis eficiente e sostible?

 En EUNOIA, axudámosche a priorizar dende o primeiro momento para que a túa casa precise menos e che ofreza máis

Preguntas frecuentes

 

Se a normativa xa esixe eficiencia, que proporciona este enfoque?

As normas só marcan uns mínimos, e estes tamén se revisan periodicamente. Un proxecto con criterios de deseño pasivo anticípase aos avances normativos e vai máis alá dos requisitos básicos, buscando o máximo confort co mínimo consumo. A arquitectura ecolóxica non se queda no que esixe a normativa, porque entendemos que unha vivenda configura o noso hábitat e inflúe de maneira directa na nosa calidade de vida.

É necesaria a certificación Passivhaus para lograr unha casa pasiva?

Non é esencial. Passivhaus é unha ferramenta útil e compatible coa arquitectura ecolóxica, pero os seus principios se poden aplicar tamén a proxectos que non buscan unha certificación oficial. O importante é un proxecto integral que reduza as necesidades de enerxía e logre o confort no día a día co mínimo consumo de enerxía. Podemos deseñar edificios de consumo case nulo (NZEB) inda que non se certifiquen Passivhaus. A certificación o que implica é unha auditoría externa e un selo de calidade.

Unha casa eficiente é sempre máis cara?

O deseño bioclimático non encarece en si mesmo, xa que o implica é unha distribución máis intelixente dos espazos. Pola contra, respecto aos materiais nunha vivenda pasiva, si soe haber un maior investimento inicial en illamento e carpintería (portas e ventás), que se compensa cunha menor necesidade de calefacción ou refrixeración e, sobre todo, cun maior confort diario. A fin de contas, é un investimento na túa calidade de vida para as próximas décadas.

Pódese facer eficiente unha casa antiga?

Si. Aínda que existan condicionantes, sempre hai marxe de mellora. Hai moitas estratexias posibles; non existe unha solución única para todos os proxectos. O primeiro paso é realizar un estudo global para definir as actuacións máis axeitadas en cada caso concreto. Ademais, pódese planificar unha orde de intervencións por fases cando non se prevé unha rehabilitación integral, de xeito que os beneficios se noten desde o inicio.

Scroll ao inicio