O radon, un risco que podemos previr
A arquitectura ecolóxica parte da integración no lugar: o clima, as precipitacións, a orientación, a humidade, a relación coa paisaxe e tamén co xeito de vivir. Pero hai outra realidade invisible que inflúe directamente na saúde ambiental: o radon.
É un gas radioactivo natural que procede do terreo. Ten gran incidencia en Galicia e en gran parte do oeste de Asturias, debido á abundancia de subsolos graníticos. No exterior disípase facilmente, pero en espazos interiores se pode acumular sen que cheguemos a percibilo.
A exposición prolongada a concentracións elevadas aumenta o risco de cancro de pulmón. A Organización Mundial da Saúde (OMS) alerta sobre isto desde 1979 e recomenda non superar unha concentración media anual de 100 Bq/m³. Desde 2019, a normativa de edificación esixe incorporar medidas de protección nas novas construcións e nalgunhas rehabilitacións para non superar os 300 Bq/m³. Ademais, a partir de 2024 é obrigatorio facer medicións en espazos de traballo situados en zonas de risco
En bioconstrución, incorporamos estratexias de mitigación do radon incluso antes de que as normativas o esixise, baseándonos no principio de precaución. O obxectivo é manter a exposición por debaixo do nivel de referencia marcado pola OMS, sen esperar a que as futuras normativas sexan máis estritas neste senso.
A presenza de radon pode ser moi significativa en vivendas unifamiliares e locais de planta baixa. Por iso, non é unha cuestión secundaria, senón un factor moi relevante para a saúde do fogar que se pode abordar mediante o deseño.
Como entra o radon nun edificio
A principal fonte de radon nos edificios é o terreo sobre o que se asentan. O gas ascende desde o subsolo e penetra no edificio a través de fisuras, xuntas, unións mal seladas en soleiras e paredes en contacto co terreo, así como por pasos de instalacións. Pola contra, a incidencia debida aos materiais de construción (muros ou mesados de granito, por exemplo) é secundario e a súa contribución adoita ser baixa.
Tende a acumularse sobre todo nos espazos en planta baixa, sotos e semisotos. Pero o impacto na saúde non depende só da cantidade de radon acumulado, senón de canto tempo se inhala. A clave está a exposición durante períodos prolongados.
O radon nun rocho non é un problema polo tempo puntual que pasamos nel, senón pola posibilidade de que se filtre ao salón ou ao dormitorio da planta superior.
En resumo, para que exista unha condición de saúde, teñen que coincidir:
- Un terreo permeable.
- Vías de entrada ao interior do edificio.
- Unha acumulación en vivendas ou espazos de uso prolongado.
Estratexias de protección contra o radon
O obxectivo destas medidas é reducir as concentracións en espazos habitables a niveis considerados seguros. É habitual combinar dúas estratexias:
- Unha barreira que dificulta o seu paso.
- Unha cámara de aire ventilada para disipar a maior parte do gas antes de que chegue ao edificio.
A barreira é unha lámina pouco permeable ao radon que se coloca en chans e paredes en contacto co terreo. Moitas veces, a mesma lámina serve tamén como capa impermeabilizante, protexendo da humidade por capilaridade.
A súa eficacia non depende só do propio material, senón tamén de que se coloque correctamente, selando ben as xuntas e os pasos das instalacións. Se quedase algunha discontinuidade, ocorrerá algo semellante ao que sucede cun balde que ten un pequeno burato: ao enchelo de auga, esta irá goteando gradualmente.
A cámara de aire consiste en separar o chan da casa do terreo, conformando unha cámara ou forxado sanitario. Debe ter aberturas de aire para evitar que o radon se concentre na propia cámara, o que finalmente acabaría permitindo a súa entrada no edificio.
A normativa esixe deixar aberturas en lados opostos da cámara de aire. Non obstante, a ventilación natural só funciona ben en condicións favorables. Por iso, en EUNOIA, ademais das aberturas de entrada de aire, tamén levamos unha saída cara ao tellado. Isto favorece a extracción e renovación do aire da cámara. Cando é necesario, pódese reforzar cun ventilador.
Porque non se trata só de cumprir a norma sobre o papel, senón de garantir que a solución funcione na práctica de forma fiable.
Con calquera destas estratexias, é fundamental coidar os detalles construtivos, evitando calquera xunta sen selar que poida converterse nunha vía de entrada do gas, especialmente nos pasos das tubaxes de saneamento que atravesan o chan do edificio. A protección non depende dunha única medida, senón dunha combinación de varias decisións ben coordinadas.
Rematado a obra, é importante comprobar a concentración de radon para verificar que a protección resulta efectiva e que o fogar é saudable.
Estratexias de mitigación na rehabilitación
Que unha vivenda se atope nunha zona de maior risco non significa necesariamente que teña unha concentración elevada. Por iso, o primeiro paso é medir. Normalmente se colocan detectores durante polo menos tres meses, preferiblemente no inverno, cando os niveis adoitan ser máis altos.
En caso de detectarse unha concentración elevada, pódese facer unha diagnose para localizar as posibles vías de entrada. Dependendo do nivel de radon, das características construtivas do edificio, da disposición dos espazos habitables e do alcance dos traballos, seleccionarase a combinación de medidas máis axeitada.
Se non se vai substituír o chan do edificio, pódense empregar sistemas de despresurización, que succionan o gas do terreo e o guían para que non alcance o interior. Habitualmente, instálanse arquetas conectadas a unha tubaxe que expulsa o gas de forma segura a nivel do tellado. Pódense colocar no perímetro exterior da casa, próximas aos muros. Ás veces, incorpórase un ventilador para favorecer a extracción.
Se hai un soto de uso accesorio, como unha garaxe ou un rocho, pódese mellorar a ventilación para disipar o radon antes de que suba aos espazos habitables.
Ademais, en todos os casos hai que selar calquera fenda ou xunta, cubrindo todos os puntos críticos por onde poida entrar o gas.
Unha vez executada a intervención, é imprescindible realizar unha medición de comprobación. As medidas de mitigación en rehabilitación poden acadar niveis de efectividade moi altos e reducir ata nun 99 % a concentración. Porque unha casa antiga tamén pode ofrecer unha calidade do aire óptima.
Vivir mellor tamén significa protexerse do radon
A protección contra o radon é unha condición básica de salubridade, especialmente en zonas onde este risco forma parte da realidade do territorio. Pero non todas as vivendas teñen este problema. O importante é medir e actuar con criterio técnico.
Hoxe existen solucións eficaces que non requiren unha tecnoloxía complexa. Integralas no proxecto é esencial nunha arquitectura que pon a saúde no centro.
Un fogar para vivir mellor non depende só do que se ve. Tamén depende de que a casa responda ben a aquilo que non percibimos a simple vista. Só así pode funcionar realmente como unha terceira pel que coide do noso benestar.
En territorios como Galicia e Asturias, protexerse fronte ao radon forma parte dun xeito máis consciente de habitar.
Preguntas frecuentes
Ventilación axuda a reducir o radon?
Si, pero non serve como solución principal. Abrir as ventás axuda a diluílo temporalmente, pero non resolve o problema de orixe. É dicir, non impide que o gas siga entrando no edificio.
No caso de ter unha concentración elevada, é fundamental tomar medidas para dificultar a súa entrada aos espazos habitables.
Serve unha medición instantánea de radon?
Hai dispositivos que dan unha medición ao cabo dunhas horas, pero isto só serve como orientación. Os niveis de radon varían en función de diferentes factores, e o relevante é a súa concentración media ao longo do tempo.
Para obter un valor representativo, debe medirse durante polo menos 2 ou 3 meses, preferiblemente incluíndo a tempada de calefaccións.
É necesario tomar medidas se teño unha concentración de radon inferior a 300 Bq/m³
Aínda que a normativa actual emprega 300 Bq/m³ como nivel de referencia, a OMS recomenda non superar os 100 Bq/m³. Polo tanto, aínda que non se requiren medidas específicas, desde un punto de vista preventivo sempre é aconsellable manter os niveis o máis baixos posible. Mesmo 100 Bq/m³ considérase un risco baixo, pero non totalmente inofensivo, especialmente se na casa viven fumadores (a exposición ao radon e ao tabaco multiplica o risco).
Polo tanto, débese considerar a redución da exposición sempre que sexa posible. Concentracións moi baixas non conlevan unha reforma integral; as medidas deben ser proporcionadas.