A pegada ambiental da túa casa: a viaxe oculta dos materiais
Cando pensamos nunha casa ecolóxica, adoitamos centrarnos no seu consumo de enerxía: a calefacción ou a electricidade que usamos de xeito habitual. Pero iso é só unha parte; hai tamén outra realidade da que se fala moito menos: o pasado do edificio.
Antes mesmo de empezar a utilizarse, un edificio xa emitiu unha cantidade significativa de gases de efecto invernadoiro. A estrutura, as paredes, o illamento, as pinturas… todos estes materiais levan asociada unha pegada ambiental desde moito antes de ocupar o seu lugar nunha parede, nun chan ou nun tellado.
Por iso, a arquitectura ecolóxica non se limita a deseñar edificios pasivos, que consumen pouca enerxía. Reducir o seu impacto ambiental implica ter en conta todo o que ocorre antes, durante e despois da vida do edificio.
Que é a pegada ambiental dun edificio?
A pegada ambiental dun edificio é a suma de todos os impactos que xera ao longo de toda a súa vida útil. Estúdase mediante a Análise do Ciclo de Vida (ACV).
O indicador máis coñecido é a pegada de carbono, é dicir, a cantidade de gases de efecto invernadoiro emitidos. Inclúe tanto as emisións asociadas ao uso (que reducimos mediante estratexias de eficiencia enerxética) como as vinculadas á fabricación de materiais.
Tamén se avalían outros efectos, como:
Contaminación da auga e do solo
A fabricación de materiais pode xerar vertidos e impactos no medio ambiente.
E, ao derribar un edificio, algúns materiais convértense en residuos perigosos que deben separarse axeitadamente para minimizar a súa afección ambiental; pola contra, outros poden converterse en recursos e formar parte dunha nova construción.
Esgotamento de recursos
A extracción dalgunhas materias primas implica un alto consumo de recursos e pode alterar de xeito significativo os ecosistemas.
Pola contra, optar por materias primas renovables e producidas de forma sostible permite manter a nosa contorna con certas garantías.
A biografía dos materiais
Todos os obxectos que nos rodean teñen un ciclo de vida: fabrícanse a partir dunhas materias primas, son útiles durante un tempo e, finalmente, deteriórase ou deixan de usarse. O mesmo ocorre cos materiais de construción.
Antes de converterse en muro, estrutura, illamento ou revestimento, cada material pasou por unha serie de etapas: extracción da materia prima, procesamento, embalaxe e transporte ata a obra. Neste recorrido se consomen recursos, emítense gases de efecto invernadoiro e xéranse diferentes impactos ambientais.
A fase de fabricación representa entre o 30 e o 40 % do carbono incorporado total dun edificio, antes incluso de comezar a obra. Ignorar isto ao deseñar unha casa pasiva é como eloxiar que un coche eléctrico consume pouco sen preguntarse canto CO₂ se emitiu na súa fabricación.
Os materiais de orixe natural (madeira, cal, arxila, cortiza, fibras vexetais ou celulosa) reducen o impacto ambiental fronte a alternativas convencionais como o cemento, o PVC, o aluminio ou os poliestirenos.
Pero un material natural non é automaticamente de “impacto cero”. Tamén inflúe como se fabricou, os kilómetros que percorreu desde a súa orixe, se contén aditivos non ecolóxicos e se se combina dun xeito que dificulta a súa recuperación ao final da súa vida útil. Unha mesma solución construtiva pode resolverse con materiais de proximidade ou traídos de moi lonxe, cunha transformación mínima ou con procesos de fabricación intensivos en enerxía.
A pirámide de materiais de construción desenvolvida por CINARK (Dinamarca) serve para comparar visualmente o impacto ambiental dos materiais de construción máis usuais.
Mentres que os metais ocupan o vértice superior, os materiais de orixe natural como a cortiza ou a madeira e os seus derivados están na base, dado que teñen unha pegada de carbono menor.
Impacto ambiental da obra
A pegada ambiental non só depende dos materiais, senón tamén do propio proceso de construción. Transportalos á obra, escavar, usar maquinaria, cortar pezas para facer axustes ou xestionar os residuos forma parte da ecuación.
Os sistemas en seco, con solucións máis lixeiras e prefabricadas (como os entramados de madeira) axudan a reducir residuos, consumo de auga, tempo de execución e uso de maquinaria.
Ademais, as unións mecánicas (a diferenza das encoladas ou soldadas) facilitan a desmontaxe futura, de xeito que as pezas non se convertan nun residuo difícil de xestionar décadas despois.
A obra tamén deixa unha pegada directa sobre o lugar: ocupación do terreo, ruído, po e afección na contorna inmediata. Unha boa planificación e coordinación da execución pode facer que o proceso sexa máis limpo e menos agresivo.
En definitiva, a arquitectura ecolóxica non se limita ao resultado final. Tamén coida todo o recorrido: como chegan os materiais, como se executa a obra e o impacto que xera ese proceso.
A rehabilitación parte con vantaxe
Preservar un edificio para darlle unha nova vida permite aproveitar parte dos materiais existentes e do carbono embebido na estrutura, os muros e o teito.
Comezar desde cero implica extraer materias primas, fabricar novos materiais, transportalos e executar unha obra completa. Pola contra, rehabilitar permite aproveitar o que xa existe e concentrar a intervención na mellora do confort, a eficiencia enerxética, a salubridade e a durabilidade. Así, redúcese de xeito notable o custe material e enerxético que suporía comezar de cero.
Por iso, desde o punto de vista da pegada ambiental, adoita ser unha das decisións máis eficaces. Non significa manter todo senón intervir con criterio, aproveitando o que é valioso para adaptar o edificio a unha nova vida útil.
Estratexias para reducir o impacto ambiental
A pegada ambiental dun edificio non se reduce cun único xesto, senón cun conxunto de decisións tomadas en fase de proxecto, antes de colocar a primeira pedra. En cada caso, priorizaranse certas estratexias sobre outras, buscando que o resultado global sexa coherente. Algunhas das estratexias máis eficaces son:
Deseño compacto
Axustar a superficie e a ocupación do terreo ao necesario, e formular espazos flexibles que se poidan adaptar ao longo do tempo.
Materiais naturais
Priorizar materiais de orixe natural e de proximidade, con pouca transformación industrial e aditivos.
Deseño pasivo
Estratexias bioclimáticas e illamento térmico continuo, que reducen o consumo de enerxía e evitan sobredimensionar as instalacións.
Solucións duradeiras
Escoller materiais e solucións construtivas axeitadas para cada uso, con boa durabilidade e menor necesidade de mantemento e substitucións.
Circularidade
Deseñar solucións desmontables e prever futuras reparacións, o que axuda a prolongar a vida útil do edificio e a reducir residuos ao final da súa vida.
En definitiva, unha casa ecolóxica non consiste en engadir xestos “verdes” ao final, senón de ter unha estratexia coherente desde o inicio.
A sustentabilidade comeza moito antes de habitar a casa
Pode parecer que a pegada ambiental e o ciclo de vida son cuestións técnicas e afastadas. Pero tradúcense en realidades moi concretas: nos materiais que nos rodean, na enerxía que requiren os nosos fogares, na calidade do noso ambiente interior e no impacto que deixamos no territorio.
A maior parte das emisións totais dunha casa prodúcense antes de entrar a vivir nela por primeira vez. Os materiais que a compoñen e os procesos construtivos xa deixaron a súa pegada.
A arquitectura ecolóxica non consiste só de deseñar edificios que consuman pouca enerxía, senón nun enfoque integral que reduce o seu impacto global. Isto significa mirar máis alá do resultado inmediato e atender tamén ao que non se ve: a procedencia dos materiais, a súa fabricación, o proceso de construción e a posibilidade de prolongar a súa vida útil.
Cando se integra todo isto, a sustentabilidade deixa de ser un lema e convértese nunha lóxica de proxecto.
Porque unha casa ecolóxica non é só a que aforra enerxía, senón tamén a que deixa unha menor pegada no medio ambiente.
Preguntas frecuentes
Que é o “carbono incorporado” dun edificio?
É a pegada de carbono asociada a todo o que ocorre antes e despois do uso do edificio: extracción de materias primas, fabricación de materiais, transporte, obra, mantemento, substitucións e fin da súa vida útil. Noutras palabras, é o carbono que o edificio xa leva “dentro” desde a súa construción.
Diferénciase do carbono operacional, que é o impacto ambiental producido durante o uso da vivenda: calefacción, refrixeración, auga quente, iluminación e outros consumos de enerxía.
Como elixir materiais cunha baixa pegada ecolóxica?
Para comparar e poder elixir, convén fixarse na súa orixe, no seu nivel de transformación, na súa durabilidade e, cando estea dispoñible, na súa Declaración Ambiental de Produto (DAP).
A DAP é un documento verificado acerca do impacto ambiental dun material ou produto de construción. Permite comparar opcións con datos reais, non só con mensaxes comerciais.
Os materiais naturais teñen un impacto ambiental positivo
Algúns materiais naturais almacenan carbono bioxénico ao longo da súa vida útil. Durante o crecemento, as árbores e as plantas absorben CO₂ da atmosfera e fíxano na súa biomasa. Ao usar madeira, cortiza ou fibras vexetais na construción, ese carbono queda retido no edificio durante décadas.
Este carbono almacenado pode compensar outras emisións debidas á súa fabricación. Isto non significa que realmente o material non teña ningún impacto pero, no balance xeral de carbono, pode ter un saldo positivo para o planeta.
A normativa de construción limita a pegada ambiental
Ata o de agora, as normas centráronse principalmente no consumo de enerxía durante o uso, é dicir, na eficiencia enerxética. Pero iso está a cambiar.
A Unión Europea está a promover o cálculo do impacto ambiental ao longo de todo o ciclo de vida e espérase que o Código Técnico de Edificación incorpore gradualmente este enfoque nos próximos anos. Desempeñará un papel cada vez máis importante no deseño dos edificios.