Madeira: base dunha arquitectura con alma

Unha tradición construtiva profundamente arraigada no territorio

Durante séculos, a construción con madeira era unha parte esencial do modo de habitar o territorio en Galicia e Asturias. Era unha resposta lóxica ao clima e aos recursos dispoñibles, apoiada nun saber transmitido de xeración en xeración. Había unha experiencia e un coñecemento.

A industrialización introduciu sistemas construtivos máis estandarizados, desvinculados do contexto. O formigón e o aceiro empezaron a asociarse co progreso e a madeira quedou nun segundo plano. Co tempo, atribuíronselle problemas que non son inherentes ao material, senón á perda de coñecemento técnico e a execucións deficientes.

Co coñecemento técnico actual, a madeira recuperou o seu lugar na arquitectura. É unha reconciliación entre o saber tradicional e os estándares actuais de habitabilidade.

Hoxe calculamos estruturas con precisión e deseñamos edificios eficientes nos que podemos controlar o seu comportamento higrotérmico e garantir a súa durabilidade. Sabemos reducir a pegada de carbono dende a propia estrutura e, sobre todo, creamos fogares onde se vive mellor.

Con todo, as dúbidas aínda persisten: ”Non arde con facilidade?”, “Non se estraga?”, “É tan resistente como o formigón?”. Moitas destas ideas derivan de prexuízos herdados, non da realidade.

O certo é que a madeira non só é segura e duradeira, senón que ademais ofrece vantaxes fronte a outros materiais.

A madeira e o lume

Un dos medos máis comúns é o lume.

Non obstante, a madeira ten un bo comportamento fronte ao lume: resiste altas temperaturas e se queima de forma lenta e predicible. Durante un incendio, a súa superficie carbonízase e xera unha capa protectora que preserva o interior da peza.

Un libro pechado tarda en arder, mentres que unha folla de papel solta prende lume enseguida. Nunha peza de madeira maciza, o exterior carbonízase mentres que o interior mantén a súa resistencia.

Outros materiais non arden, pero a súa resistencia ao lume é moi baixa: o aceiro defórmase e perde capacidade resistente en pouco tempo, e o formigón pode colapsar de maneira repentina ante altas temperaturas.

Nun incendio o esencial é garantir a estabilidade da estrutura durante a evacuación, para que as persoas poidan abandonar o edificio sen riscos. A seguridade fronte ao lume é un requisito para calquera sistema construtivo, e as normas son cada vez máis estritas.

Correctamente dimensionada, a madeira mantén a súa resistencia e estabilidade nun incendio durante máis tempo que outros materiais.

Corteza árbol

A madeira e a humidade

A madeira é higroscópica: absorbe e libera humidade. Esta propiedade contribúe a lograr un ambiente interior saudable e confortable, aínda que tamén esixe algunhas precaucións.

En climas húmidos a clave é a protección por deseño. O importante é usar madeira seca, evitar a acumulación de humidade e -no caso de que se poida mollar- favorecer a ventilación mediante o propio deseño arquitectónico. Algunhas estratexias habituais:

Ventilación

Deixar espazo de ventilación nos extremos das vigas.

Separación do terreo

Separar a madeira do terreo para evitar humidades por capilaridade.

Pezas de sacrificio

Incorporar pezas de sacrificio, fáciles de substituír ao cabo dos anos sen afectar á estrutura.

Ademais, convén elixir a especie segundo o seu uso previsto e a exposición á humidade. Non ten os mesmos requirimentos unha madeira nun interior protexido que nunha sauna, nun porche ou á intemperie. En situacións esixentes, debemos optar por especies de maior durabilidade natural.

É coma co calzado: para a choiva usaremos zapatos impermeables en vez de zapatillas de tela. 

Cun bo deseño e a especie apropiada ao uso, a madeira é un material moi duradeiro.

Cando o detalle construtivo por si só non bastan, pódese aumentar a durabilidade con produtos de protección (pinturas, lasures, aceites, vernices ou outros sistemas). Serven como complemento que axuda a controlar o envellecemento, non para corrixir un mal deseño.

Durabilidade: cuestión de deseño, non de material

Outro prexuízo moi común é que a madeira “estrágase”. A realidade mostra o contrario: basta con observar algunhas igrexas antigas, tellados tradicionais ou estruturas que levan séculos en pé. En cambio, o formigón armado apenas ten dous séculos de historia.

A durabilidade non depende só do material. Un edificio non dura máis por empregar materiais “duros”, nin dura menos por usar materiais naturais. A clave está sobre todo no deseño e nos detalles da súa execución.

O máis importante é protexer a madeira fronte á humidade para evitar que prosperen insectos xilófagos, fungos ou mofos. Cun deseño construtivo correcto e un mantemento axeitado, un edificio de madeira pode durar tanto ou máis que outro resolto con materiais considerados máis modernos.

Construción con madeira: xestión forestal responsable

Outro mito frecuente: contra o que se pensa, construír con madeira non implica destruír bosques. Pola contra, o uso de madeira de procedencia certificada promove a xestión forestal sostible e a conservación dos bosques.

Para fabricar materiais como o formigón e o aceiro se require extraer recursos e procesos industriais que xeran contaminación e emisións de gases de efecto invernadoiro.

Unha árbore captura CO₂ mentres medra. Ao usar madeira nun edificio, o carbono permanece almacenado durante décadas.

madeira certificada provén dunha xestión forestal sostible, evitando talas excesivas e preservando o equilibrio do ecosistema. O seu uso, especialmente cando se escollen especies autóctonas, contribúe a manter vivos os bosques e o medio rural.

Tecnoloxía e tradición: un tándem perfecto

A construción en madeira actual non é como a de hai cen anos. Combina o mellor da tradición construtiva cun coñecemento avanzado e novos recursos técnicos.

A variedade de materiais e sistemas vai moito máis alá de elixir unha especie e do cálculo de dimensións:

  • Madeira maciza, laminada, microlaminada (LVL), contralaminada (CLT), paneis de lascas orientadas (OSB)
  • Entramado lixeiro ou pesado, paneis estruturais
  • Corte por control numérico (CNC) das pezas con precisión milimétrica
  • Prefabricación que permite ensamblar unha estrutura en días.
  • Tratamentos de protección e certificacións de orixe sostible.

Lonxe de ser un vestixio do pasado, a madeira é un básico para fogares cálidos, eficientes e seguros. Superando os prexuízos, é a opción máis coherente para quen queren un fogar que coide da súa familia e do planeta.

E ti, queres vivir nunha casa de madeira?

Escríbenos e proporémosche a solución que mellor encaixe contigo.

Preguntas frecuentes

Precísase man de obra moi especializada?
En obra é imprescindible coñecer ben o material, como ocorre con calquera outro. Hoxe en día existen carpinterías e empresas especializadas en construción con madeira, moitas delas con sistemas de corte por control numérico (CNC) de máxima precisión, o que facilita a execución de unións e acurta os prazos de montaxe na obra.

Ademais, existen diferentes sistemas construtivos con maior ou menor grao de prefabricación. Segundo o proxecto, optaremos polo máis adecuado para o deseño e a súa posta en obra.

Como evitar as termitas e a couza?
A orixe do problema adoita ser a humidade. Se protexemos axeitadamente os edificios da humidade, exterior e interior, non se darán as condicións para que prosperen insectos xilófagos e fungos. A elección da especie de madeira axeitada, un deseño correcto e -cando sexa necesario- o uso de produtos de protección da madeira ou barreiras, permiten minimizar os riscos sen produtos tóxicos.

Tamén é importante evitar incorporar mobles ou materiais que xa estean afectados: poden propagar a infestación.

É caro construír con madeira?
O custo non depende unicamente dun material ou sistema construtivo. En canto á madeira, existe un gran abanico de especies, calidades e sistemas construtivos. Se é prioritario axustar o custo, desenvolveremos o proxecto segundo decisións de deseño nese sentido.

A prefabricación reduce a man de obra e os tempos de construción, o que supón unha vantaxe en climas húmidos xa que posibilita cubrir e protexer a obra antes. O menor peso da madeira en comparación con outros materiais estruturais pode permitir unhas cimentacións máis sinxelas.

En calquera caso, unha vivenda é un investimento a longo prazo: o custo non debe ser o principal criterio de decisión, senón a calidade de vida e o benestar.

Scroll ao inicio