Deseñar para o benestar: a base dun fogar confortable
Hai casas que impresionan a primeira vista. Pero non sempre son fogares acolledores.
Algunhas parecen deseñadas para buscar a admiración; outras, para ser habitadas.
Unhas funcionan case como un escaparate; outras convértense nun verdadeiro fogar.
Moitas veces, o que máis se valora é a superficie das vivendas, a súa estética, os acabados e as tendencias.
Pero vivir nunha casa non é simplemente mirala; trátase de habitala con todos os sentidos. O que de verdade importa nun fogar non se ve nas fotos.
O noso sistema nervioso non entende de modas, pero percibe constantemente sinais do entorno: variacións de temperatura, correntes de aire, humidade, calidade do aire, ruído, ecos e a intensidade e o tipo de luz. E responde a elas, inda que non sempre saibamos explicalo de forma consciente.
Os piares do confort
O confort non se refire a sensacións vagas. Moitos dos factores que inflúen son parámetros medibles: a temperatura, a humidade, a calidade do aire, a iluminación, o ruído, os olores. Tamén xogan un papel importante a distribución e incluso a percepción de control que temos sobre o espazo.
O benestar nunha vivenda conséguese mediante o equilibrio entre varios factores, non pola suma de solucións illadas. Se un destes aspectos falla, o conxunto se resinte.
Temperatura estable sen paredes frías
O confort térmico non depende só da temperatura do aire. O que realmente percibimos é a combinación da temperatura do aire e a das superficies que nos rodean. Paredes, solos, ventás… todo elo intercambia calor co noso corpo.
Iso explica por que podemos estar nunha casa con calefacción a 21 graos e, con todo, sentir frío. As superficies frías “absorben” parte da nosa calor corporal. En cambio, nunha casa ben illada, a temperatura se percibe estable: as paredes non son sumidoiros de calor, non hai grandes saltos térmicos entre habitacións nin recunchos fríos.
Ademais, resultan molestas as correntes de aire que entran por debaixo dunha porta ou a polo marco dunha xanela mal selada. A hermeticidade ao aire impide que haxa infiltracións de aire incontroladas. Aquí entran en xogo o illamento continuo sen pontes térmicas, as ventás e portas de alta calidade e unha execución minuciosa. Non significa que a casa sexa unha cápsula selada, senón que se trata de evitar entradas de aire non desexadas e renovar o aire a través do sistema de ventilación previsto.
Control da humidade
A humidade ten un impacto directo en como nos sentimos e na nosa saúde.
Un exceso de humidade favorece condensacións, aparición de mofo e ácaros, olores e unha sensación de frío que se mete nos ósos. Pola contra, un ambiente demasiado seco reseca as mucosas e pode causar irritación ocular. O idóneo é manter a humidade relativa entre o 40 % e o 60 % durante todo o ano.
En climas húmidos, non se trata só de evitar a condensacións visibles, senón de deseñar unha casa que xestione a humidade de forma natural e equilibrada. Isto depende da ventilación, pero tamén dos sistemas e materiais de construción.
Os materiais higroscópicos, como os morteiros de cal ou arxila, ou a madeira sen vernices impermeables, axudan a amortecer os picos de humidade: absorben parte do vapor cando o ambiente está máis cargado e libérano cando o aire está máis seco, contribuíndo a un ambiente interior máis agradable.
Aire limpio
Respirar aire limpo non debería ser excepcional. Pasamos gran parte do noso tempo en espazos pechados. Non obstante, o aire interior adoita estar máis contaminado que o aire exterior. En moitas vivendas, o aire cárgase de CO2, compostos orgánicos volátiles (COV) e partículas. Cando iso ocorre, provoca fatiga e pode afectar ao noso descanso, a nosa concentración e a nosa saúde a longo prazo.
Un fogar confortable non só é eficiente, senón que garante unha renovación do aire constante e controlada, sen perda enerxéticas nin correntes de aire incómodas. Ademais, a elección dos materiais permite reducir os contaminantes desde a orixe, priorizando materiais de orixe natural e aqueles que non producen emisións de COV nin formaldehido.
Acústica axeitada
O ruído pode ser unha fonte importante de estrés, mesmo cando se trata de sons pequenos pero constantes, como tráfico afastado, equipos de instalación ou baixantes de auga. Isto é especialmente importante en dormitorios, zonas de descanso e espazos de estudo.
Habitualmente, nunha casa ben illada térmicamente tamén se reduce o ruído exterior. Pero non se trata só de evitar a entrada de ruído, senón tamén de xestionar como se comporta o son dentro de cada habitación. Convén minimizar as transmisións do son entre estancias e atender á absorción acústica para evitar ecos e reverberacións.
Doutra banda, hai que anticipar as fontes de ruído interno e deseñar os detalles para reducir o seu impacto. Corrixir despois un problema acústico adoita ser máis complexo. Normalmente non se soluciona cun elemento puntual; forma parte do deseño desde o principio.
Luz e ritmos circadianos
A luz é moito máis que iluminación. Regula o noso reloxo biolóxico e proporciónanos enerxía e benestar. Inflúe directamente no noso estado de ánimo e no noso descanso.
A arquitectura ecolóxica entende a luz como un material máis que forma parte do deseño.
Unha boa iluminación natural non consiste só en ter grandes ventás, senón en como entra a luz, como se distribúe e como evoluciona ao longo do día. Débense evitar deslumbramentos e claroscuros molestos. A orientación, a profundidade dos espazos, a protección solar.. todo elo abórdase mediante o deseño bioclimático.
Pola noite, a iluminación artificial debe complementar este ritmo natural, evitando luces excesivamente frías ou intensas que confundan ao organismo e interfiran co descanso. Unha boa iluminación artificial diferencia entre actividades, combinando luces máis frías nas zonas de traballo ou de paso e luminarias máis cálidas nas zonas de descanso.
Unha casa en harmonía acompaña e respecta os ciclos da natureza.
Confort sensorial
O confort tamén ten que ver co tacto, a textura e a coherencia material do espazo.
A nosa pel non mide a temperatura real do que tocamos, senón a velocidade á que nos “rouba” ou nos devolve calor. Por iso, materiais condutores como o metal teñen un tacto “frío”, mentres que outros con propiedades illantes, como a madeira e algúns tecidos, percíbense como máis “cálidos”.
Xeralmente, as superficies naturais e con textura proporcionan unha sensación máis amable que as moi lisas ou escorregadizas.
Así, elixir materiais non é só unha cuestión técnica ou ambiental. Tamén é unha decisión sobre o benestar.
O papel do deseño
Todos estes factores teñen algo en común: non se poden apreciar nunha fotografía ou nunha visita rápida.
Pero son a columna vertebral dun fogar confortable.
Aquí é onde a arquitectura consciente marca a diferenza. Non se trata de engadir solucións “premium”, senón de integrar criterios de benestar desde o inicio do proxecto.
A harmonía non é fruto da casualidade: xorde de comprender como funciona un edificio e de tomar boas decisións técnicas e de deseño.
Definir os illamentos, o sistema de ventilación, a combinación de materiais, a iluminación, a protección solar e as unións construtivas non son detalles menores. Todas estas capas, aínda que non sempre sexan evidentes, son as que permiten que unha casa acompañe de verdade.
O verdadeiro luxo
Adoita asociarse o luxo adoita a pezas únicas, acabados caros ou elementos rechamantes.
Pero o verdadeiro luxo é o que afecta ao noso día a día. É máis sinxelo e, á vez, máis difícil de conseguir.
Falar de confort é falar de calidade de vida: durmir mellor, respirar ben, non ter frío nin calor, descansar sen ruído e gozar da luz.
En definitiva, o verdadeiro valor dun fogar reside en como sostén a nosa saúde e complementa o noso xeito de vivir.
Deseñar unha casa confortable é, en esencia, deseñar un xeito de vivir máis consciente.
En EUNOIA combinamos tecnoloxía, saúde ambiental e estética para crear fogares nos que vivir mellor.
Preguntas frecuentes
Pódese mellorar a comodidade sen unha rehabilitación integral?
Si. Aínda que unha rehabilitación integral permite unha actuación máis coherente e completa, tamén é posible mellorar o confort con intervencións parciais, se existe unha estratexia clara.
Unha análise global permite priorizar as accións máis urxentes e efectivas, sabendo que cambios interfiren entre si. Isto evita investir en “parches” que melloran un aspecto pero poden crear problemas noutro.
En calquera caso, convén non descoidar as habitacións onde pasamos máis tempo e os dormitorios, debido á súa maior influencia na nosa saúde.
Cal é a diferenza entre unha casa saudable, unha casa eficiente e unha casa cómoda?
Son conceptos relacionados:
- Unha casa eficiente é aquela que require pouca enerxía para manter a temperatura interior. Lógrase con illamento, hermeticidade, ventás de calidade e equipos de climatización axeitados.
- Unha casa saudable é aquela que promove a saúde dos seus habitantes: aire interior limpo, sen humidades, mofos, niveis elevados de CO₂ nin emisións tóxicas de materiais ou mobles.
- Un fogar confortable caracterízase por contribuír a que nos sintamos ben: hai un equilibrio entre unha temperatura agradable, ausencia de ruído e correntes frías, aire non viciado e iluminación axeitada, entre outros factores.