Como inflúen os materiais na saúde do fogar
Pasamos gran parte da nosa vida en espazos interiores. Non obstante, poucas veces nos preguntamos que materiais nos rodean e como afectan ao ambiente e ao aire que respiramos cada día.
Nunha vivenda solemos poñer o foco na iluminación, na amplitude ou na estética. É lóxico: é o primeiro que vemos. Pero hai outros aspectos, menos visibles, que tamén inflúen na nosa saúde e benestar.
Unha vivenda non é só o lugar onde desenvolvemos a nosa vida cotiá. Tamén é o entorno que nos envolve a diario, o hábitat que condiciona a nosa saúde a medio e longo prazo.
Os materiais conforman o ambiente no que vivimos. Escollelos axeitadamente contribúe a crear espazos máis saudables.
A saúde do fogar tamén está no que non se ve
A miúdo, a arquitectura se enfoca sobre todo na imaxe. Non obstante, hai aspectos menos evidentes que tamén inflúen no benestar: a calidade do aire interior, os materiais empregados, a transpirabilidade das paredes ou a súa capacidade para regular a humidade interior, e a influencia de todo iso no confort.
Non sempre se trata de efectos inmediatos. Precisamente por iso, moitas veces pasan desapercibidos. Pero que non sexan evidentes non significa que non teñan relevancia.
Se prestamos atención ao que comemos, ao descanso ou a seguir uns hábitos saudables, tamén deberiamos preguntarnos polos materiais que conforman o espazo no que vivimos.
Determinadas pinturas, vernices, adhesivos, taboleiros e produtos sintéticos conteñen compostos orgánicos volátiles (COV), substancias químicas que se evaporan e concentran no aire interior, o cal se asocia a efectos negativos para a saúde. Afortunadamente, existen alternativas máis saudables e respectuosas co medio ambiente.
Que materiais promoven un ambiente interior saudable
En arquitectura ecolóxica priorizamos materiais que contribúen a crear ambientes saudables e con menor pegada ecolóxica. Os que teñen unha incidencia máis directa na saúde son os usados como acabados, é dicir, os que quedan en contacto directo co aire que respiramos, aínda que tamén inflúen o resto de materiais e sistemas construtivos.
Pinturas naturais
Normalmente empregamos pinturas minerais , como as de cal ou de silicato. Son permeables ao vapor e resistentes ao mofo. Tamén existen pinturas vexetais formuladas con aceites, resinas ou outros compoñentes naturais, con moi baixa emisión de compostos orgánicos volátiles (COV).
Non abonda con que unha pintura leve unha etiqueta de “ecolóxica”. En moitos casos, trátase de pinturas plásticas que simplemente reducen algúns compostos para xerar menos COV, pero seguen estando baseadas en resinas derivadas do petróleo.
Tratamentos da madeira
Para protexer a madeira é preferible utilizar tratamentos de poro aberto, que non forman unha película ríxida e respectan as propiedades do material.
Por exemplo, lasures e aceites naturais de liñaza ou outros aceites vexetais, que penetran na madeira como se de unha crema hidratante se tratase, e a protexen sen selala por completo.
Cal hidráulica natural (NHL) ou cal aérea
A cal emprégase en morteiros para muros de pedra ou ladrillo, en chans ou en revestimentos de paredes. Fronte ao cemento Portland, o máis usado hoxe en día, presenta varias vantaxes:
Permeabilidade ao vapor
Permite a transpiración dos muros, reducindo o risco de condensacións.
Regulación higroscópica
Absorbe e cede humidade do ambiente, contribuíndo ao confort higrotérmico.
Flexibilidade
Pode adaptarse a pequenos movementos do edificio sen rachar.
Propiedades biocidas
Debido ao seu pH alcalino, dificulta o crecemento de mofos, bacterias e outros microorganismos.
Arxila
A arxila úsase en morteiros para revestimentos de paredes interiores. As súas principais vantaxes son:
Moi alta permeabilidade ao vapor
Permite transpirar as fachadas do edificio, xerando un ambiente máis san.
Regulación higroscópica
Axuda a regular a humidade, evitando ambientes moi secos ou demasiado húmidos.
Absorción de olores
A súa estrutura porosa é capaz de absorber e neutralizar os malos cheiros.
Baixa pegada ecolóxica
A súa fabricación é sinxela e implica un impacto ambiental moi pequeno.
Reversibilidade
Pódese reutilizar sen perder propiedades nin xerar residuos.
Xeso natural
O xeso natural emprégase en paredes interiores de estancias secas. É transpirable, higroscópico e doado de aplicar. Ademais, ao ser incombustible, pode servir como protección contra incendios.
Pola contra, moitas formulacións industriais —xesos preparados, pastas ou placas— incorporan aditivos que poden xerar compostos orgánicos volátiles (COV), polo que convén comprobar a súa composición antes de usalos.
Madera
A madeira proporciona calidez, confort e atractivo estético. Escollendo a especie axeitada e recorrendo á protección baseada no deseño, é posible evitar tratamentos químicos e vernices sintéticos.
Estímase que un metro cúbico de madeira almacena arredor de 0,9 toneladas de CO₂, polo que o seu uso en construción pode reducir significativamente a pegada ambiental do edificio.
En estruturas, utilízase tanto en forma de madeira maciza como laminada ou contralaminada (CLT), en diferentes configuracións estruturais.
A carpintería exterior (portas ou ventás) non precisa rotura de ponte térmica, pois a madeira é en si mesma un material illante.
Illantes naturais
Os illantes naturais, ademais das súas propiedades térmicas e acústicas, son transpirables e teñen unha baixa pegada ecolóxica.
- Os paneis de fibra de madeira fabrícanse a partir de residuos da industria madeireira. Teñen unha alta capacidade térmica, o que reduce as flutuacións de temperatura no interior, mellorando o confort no verán. Ademais, contribúen a regular a humidade.
- A cortiza expandida provén da cortiza da sobreira, o que a fai 100 % renovable. Aglomerase mediante calor e a súa propia resina, por iso adquire a cor escura que a caracteriza. É resistente á humidade e moi duradeira.
- Os illantes de fibra vexetal (palla, cáñamo, liño, coco) son lixeiros e reguladores da humidade. Son especialmente útil como recheo en sistemas de armazón lixeira de madeira.
Existen tamén materiais reciclados, como a celulosa feita a partir de papel de xornais ou os paneis feitos con fibras téxtiles de algodón. Inda que non teñen a pureza dun illante fabricado a partir dunha materia prima virxe, son opcións saudables e respectuosas co medio ambiente
Outros materiais empregados na construción ecolóxica
A terra é un material de construción moi valioso. Pode utilizarse, por exemplo, en tabiques de bloques de terra comprimida (BTC), cunha gran inercia térmica, ou de adobes secados ao aire, máis lixeiros e illantes.
A termoarxila é un tipo de ladrillo cerámico lixeiro con mellores propiedades illantes que un ladrillo convencional. Pode resolver á vez a estrutura e o cerramento (fachadas), aínda que neste caso convén ter en conta o seu impacto ambiental debido ao seu proceso de fabricación por cocción a altas temperaturas.
Existen moitos máis materiais axeitados para a construción ecolóxica. Cada un responde a un uso específico, polo que debe escollerse coñecendo ben as súas características e en función das necesidades de cada proxecto. Non existe unha receita universal.
Deseñar con criterio para vivir mellor
Elixir os materiais axeitados non é unha cuestión secundaria. Ten un impacto directo na calidade do ambiente interior e, polo tanto, na nosa saúde e calidade de vida.
Fronte a unha arquitectura centrada case exclusivamente na imaxe, a arquitectura ecolóxica ten unha mirada máis ampla e atende tamén a aquilo que non sempre se ve: que materiais nos rodean, que aire respiramos e de que maneira inflúe todo isto no noso benestar.
A sustentabilidade non é cuestión de marketing ou etiquetas, senón unha forma de proxectar desde unha visión integral. Unha arquitectura consciente que coida a saúde sen renunciar á beleza.
O verdadeiro luxo non é unha casa bonita, senón un fogar onde realmente sentirse ben.
Porque unha vivenda non debe limitarse a ser funcional ou a impresionar a primeira vista. Tamén ha de ser un lugar que contribúa ao confort e benestar real de quen a habitan.
En EUNOIA deseñamos desde unha perspectiva holística: atendendo non só a como se ve un espazo, senón tamén a como se vive.
Preguntas frecuentes
Os materiais naturais son sempre a mellor opción?
En bioconstrución solemos priorizar os materiais naturais porque, usados correctamente, ofrecen moitas vantaxes. Pero non existe unha solución universal. En cada proxecto débese valorar a compatibilidade co resto de materiais, o uso do espazo, a durabilidade e o mantemento. A clave está en elixir con criterio para cada caso concreto.
Que materiais inflúen máis na calidade do aire interior?
Sobre todo, os materiais que están en contacto directo co interior: revestimentos, pinturas, vernices e pavimentos.
Tamén ten gran relevancia o mobiliario, moitas veces fabricado con taboleiros aglomerados con colas sintéticas, e con revestimentos vinílicos. Na medida do posible, convén que os mobles manteñan coherencia coa construción do espazo.
Como saber se os materiais dunha casa son saudables?
Convén fixarse na súa composición, nos tratamentos que incorporan e en si emiten compostos orgánicos volátiles (COV). Non abonda con que leven unha etiqueta de “ecolóxico”. Lo importante é avaliar se son axeitados para esa aplicación específica e se contribúen a un ambiente interior máis saudable.
Para revisar un caso concreto, pode ser necesario contar cun asesoramento técnico.