A revista CERNA sobre ecoloxía e medio ambiente, elaborada por ADEGA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, inclúe no seu número 85 un artigo sobre bioconstrución, edificios pasivos e eficiencia enerxética no contexto da transición enerxética.
Foi coescrito por Angela Martínez Lago e Divina Pérez Viña, ambas arquitectas, ecoloxistas e colaboradoras de ESPIGA Asociación Galega para a Bioconstrución.
Incluímos aquí algúns extractos:
Os impactos ambientais da construción e o uso dos edificios son moi altos. Fronte á edificación convencional, a bioconstrución é unha forma de construír respectuosa co medio ambiente e a saúde das persoas, e busca a eficiencia nun sentido amplo.
Recentemente se aprobou un cambio normativo polo que se tende aos edificios de consumo case nulo de enerxía. En paralelo, as administracións están a promover a rehabilitación enerxética de edificios para facer fronte á crise climática. Estas actuacións deben ter unha visión global e atender a todos os impactos ambientais para que se traduzan realmente nunha mellora real.
Eficiencia enerxética en edificios
A eficiencia enerxética en edificación basease en tres principios, que son -en orde de maior a menor importancia-:
– Estratexias pasivas → redución da necesidade de enerxía
– Estratexias activas → instalacións de alta eficiencia
– Uso de enerxías renovablesAs estratexias pasivas son as que permiten, sen necesitade de equipos mecánicos, reducir a demanda de enerxía para o funcionamento do edificio. As estratexias activas complementan as anteriores con equipos de alta eficiencia, maximizando de este modo o aproveitamento da pouca enerxía que se precise. Por último, se busca que a maior parte desta enerxía proveña de fontes renovables de produción na contorna.
Sempre se debe actuar nesta orde de xerarquía, tendo unha estratexia global e procurando actuacións equilibradas, é dicir, optando por aquelas que proporcionen un maior aforro e aseguren unha calidade e confort similares no conxunto do edificio.
Necesidade de rehabilitación
A crise enerxética vén dada polo paulatino esgotamento das fontes de enerxía non renovables e a dependencia enerxética respecto doutros países.
Os novos edificios constrúense seguindo uns criterios cada vez máis estritos. Con todo, a maior parte do parque edificado carece dunhas boas condicións de eficiencia enerxética. Isto, nun contexto de cambio climático e de aumentos do prezo da electricidade, contribúe a situacións de pobreza enerxética, nas que unha porcentaxe importante da poboación non ten recursos suficientes para manter unhas condicións adecuadas de confort e habitabilidade.
Sempre é máis sostible rehabilitar que construír de cero, e pódense combinar diferentes estratexias para acadar bos resultados.
Pódese acceder ao artigo completo desde esta ligazón.